Tuesday 16 de July de 2024

Silvia Penas Estévez recibe o 27º Premio de Poesía Concello de Carral polo seu poemario A pel do exilio


• O acto serviu, así mesmo, para presentar Oídos de espeleóloga, a obra coa que Ciro Briones gañou no 2023.

A Casa da Cultura acolleu, esta tarde, o acto de entrega do XXVII Premio de Poesía Concello de Carral. Por unha banda, o acto serviu para conceder o galardón desta edición á escritora Silvia Penas Estévez (Vigo, 1980), que conquistou ao xurado con A pel do exilio. Pola outra, na cita presentouse oficialmente Oídos de espeleóloga, a obra coa que Ciro Briones gañou, no 2023, a vinte e seis convocatoria do certame.

Á entrega acudiu o alcalde, Javier Gestal, membros do goberno e da corporación municipal do Concello de Carral, o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, a escritora e membro do xurado, Inma Otero, o responsable de Edicións Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Vello, e os gañadores desta e da pasada edición, Silvia Penas Estévez e Ciro Briones, respectivamente. O acto estivo conducido polo técnico de Cultura, Carlos Lorenzo.

Durante a súa intervención, o rexedor aproveitou a ocasión para felicitar aos gañadores da presente e da pasada edición. Gestal sinalou o compromiso do goberno por seguir apostando por este certame “un dos de maior traxectoria a nivel galego e que segue situando a Carral como un referente neste xénero”. O primeiro edil incidiu, ademais, nas boas cifras de participación que acada o concurso carralés edición tras edición, unha afirmación que sustentou no novo récord acadado nesta vinte e sete convocatoria, na que se presentaron 94 obras.

Un ano máis, a poesía e a música volveron estar unidas no acto de entrega. A nota musical chegou ao peche da cita e da man do grupo DOA, conformado por Susana de Lorenzo e Xoán Piñón. Ao remate, o público asistente recibiu, ademais, un exemplar de Oídos de espeleóloga de agasallo.

Unha decisión unánime

A obra de Penas Estévez foi elixida, de xeito unánime, polos membros do xurado. O tribunal destacou da peza “a forza da voz poética, que manifesta a súa furia a través do ritmo e da limpeza das imaxes”. Así mesmo, púxose en valor o ritmo do traballo, así como a súa “vocación de mediar co mundo, traspasando o texto na procura da reflexión metapoética e identitaria”.

Silvia Penas Estévez comezou a súa andadura poética no colectivo Redes Escartala. A autora colleitou varios premios e accésits ao longo da súa traxectoria profesional e, no 2010, publicou o seu primeiro poemario Biografía da multitude (en coautoría con Elvira Riveiro). Penas Estévez escribiu tamén de As uñas crecen, co que conquistou o certame Manuel Lueiro Rey de Poesía. A este séguenlle Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores (Premio de Poesía Avelina Valladares) e Fronteira Paraíso.
O Premio Concello de Carral está dotado con 3.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. Ademais da dotación económica, a obra de Penas Estévez pasará a formar parte da colección de Edicións Espiral Maior. O Premio de Poesía de Carral conta coa colaboración da Xunta de Galicia.